imaxinado vs. imaxinativo
A cultural material que procuramos e atopamos en moitas prateleiras dos museos denominados etnográficos presentan formas “rústicas” e materiais “tradicionais”. As primeiras perfilan o paso do tempo con contornos gastados, de aspecto vello e, a pode ser, lixeiramente luído. O paso do tempo en simbiose coa forma. Os segundos, os materiais, remítennos á natureza: madeira, pedra, vexetais e algo de ferro, a ser posíbel enferruxado. A ecuación funciona de tal xeito que canto máis rústico e máis natural, máis etnográficos os elementos e maiores as posibilidade de figuraren na prateleira museística.
Pero a realidade etnográfica é moito máis dinámica que o imaxinario patrimonial das institucións. A variedade de formas, a incorporación de materiais, as combinacións de experimentos e cavilacións nunha sociedade dinámica ofrecen unha realidade viva e máis do que imaxinada, imaxinativa.
A visita a unha antiga fábrica de salga no Cabo da Vila en Fisterra ofreceunos un exemplo de cultura material viva. Esta tina de mercería-bazar reconvertida en bacía do palangre é mostra desta tensión entre o imaxinado e o real: perenne dialéctica da cultura material allea ás petrificacións patrimoniais.
17.05.08 | (sen categoría) |Comentarios
comentarios desactivados para este artigo
Acerca de
A campaña de dixitalización de álbumes familiares.