Tradicións caníbales

O lume ten unha estraña ligazón coa purificación. Proxectado na fogueira ou cacharela do San Xoán, vén queimar todos os males, espantar meigallos e apartar bruxas. As persoas mesmo saltan por riba das fogueiras agardando melloras nas súas vidas. O lume purifica as cousas do espírito, mais o seu efecto é irreversíbel no caso do patrimonio. O San Xoán convértese nun azoute sen retorno para embarcacións, nasas, raposas, bacías, poutadas, por falar só do patrimonio do mar. Na noite do 23 ao 24 de xuño, o lume percorre a costa cunha gadaña na man.
Os galegos aínda non sabemos distinguir os palés das bucetas, os garabullos das nasas ou a leña seca dos documentos. Ninguén queimaría a súa nómina mensual mais somos quen de prender parte do noso pasado e pensar que facemos o ben espantando ao mal… Algún día, máis tarde que cedo, teranse que organizar brigadas de salvamento de patrimonio móbel (inflamábel) que purifiquen o noso futuro.
San Xoán, tradición en terra de caníbales. 5.07.08 | (sen categoría) |Comentarios
comentarios desactivados para este artigo
Acerca de
A campaña de dixitalización de álbumes familiares.